Como todas e todos sabedes, o pasado sábado 20 de xuño celebramos no castelo de San Felipe a festa de conmemoración do 25 aniversario do noso grupo. Grazas ó Concello de Ferrol pola súa colaboración.
Foi un gran día de reencontros, emocións e inmellorable ambiente no que nos xuntamos máis de 150 persoas ás que dende aquí queremos agradecer moi especialmente a súa participación.
Acompañáronnos antigas socias e socios, familiares, amigos, representantes de asociacións xuvenís e veciñais de Ferrol, representantes da asociación á que pertencemos, Scouts de Galicia-ASDE, así como de varios dos seus grupos e tamén, como non, da Federación Guía (FEG), onde estivemos moitos anos. Contamos igualmente coa presenza do portavoz do Partido Popular no Concello de Ferrol, D. José Manuel Rey Varela, a Concelleira de Mocidade e deputada no Parlamento de Galicia, D. Beatriz Sestayo, e o recentemente nomeado Director Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, D. Ovidio Rodeiro Tato.
Principiamos a xornada cun acto institucional, no que interviron Angel Fernández como Coordinador do Grupo, Toni Lama-Pereira como representante do Kraal, Jesús Cartelle como fundador de Vasco da Ponte, D. Ovidio Rodeiro e D. Beatriz Sestayo. Ó remate do acto entregamos uns agasallos conmemorativos desta celebración aos/ás asistentes.
A continuación o Grupo 19 de Ferrol, fíxonos entrega dunha placa conmemorativa polo noso 25 aniversario así como dun traballo feito polos seus rapaces e rapazas. Todo un detalle que queremos agradecervos con moito cariño. Moitísimas grazas!!!!
Posteriormente, dentro das ceremonias propias scouts-guías, integrantes das ramas de Catavento, Irmandade e Ruta fixeron as súas promesas, así como procedimos á entrega da insignia de San Xurxo a Tivi, a quen lle trasladamos, como ao resto, os nosos parabéns.
Despois, chegou o momento de xantar todos xuntos un delicioso xamón asado, empanada e cachelos, acompañados de pan, viño tinto e bebidas ben fresquiñas. De postre, unha impresionante tarta de queixo e un café de "pota" ben rico.
Á tarde tivemos en primeiro lugar á actuación dun contacontos coa temática da coeducación como fondo, para seguir co concerto de Paloma Suances, como sempre espléndida, e á quen lle agradecemos a súa complicidade.
Ó remate da festa chegou despois de repartir a merenda, que consistiu nun chocolate acompañado de bizcoito.
Durante todo o día disfrutamos dun sol que brillou en toda a súa intensidade, simbolizando toda a forza e enerxía do noso grupo que, de seguro, nos vai acompañar durante outros 25 anos e moitos mais.
Grazas de corazón a todos e a todas polo voso apoio e cariño. Agora toca preparar o campamento de verán que xa está moi preto.
Se queredes descargar a portada que nos adicou o Diario de Ferrol, a quen lle agradecemos a súa contribución ó espallamento da noticia, tes que pulsar na ligazón da dereita da pantalla.
Unha aperta moi grande para todos e todas, do Grupo Scout-Guía Vasco da Ponte.








